Hugo Pérez Solana acapara os focos na estrea do XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra
239 xogadores de 20 nacionalidades e 50 titulados internacionais inauguran unha edición que promete unha intensa semana de xadrez en Pontevedra.
24 de xullo de 2026
O XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra arrancou este venres cunha primeira rolda marcada polo grande ambiente xadrecístico e unha participación de auténtico luxo. As baixas de última hora, incluída a do iraniano número 1 do ranking, impiden á organización superar a súa propia marca, fixada nos 257 deportistas da pasada edición. Aínda así, 239 xogadores de 20 nacionalidades converten durante toda a semana a Pontevedra nun dos grandes centros do xadrez internacional. A nómina de participantes inclúe 50 xogadores con titulación internacional —grandes mestres, mestres internacionais e mestres FIDE—, consolidando o torneo organizado pola Escola Xadrez Pontevedra como unha das citas máis prestixiosas do calendario español.
O gran foco de atención da rolda inaugural estivo no duelo entre dúas xeracións do xadrez español. O recente campión de España sub-11 e sub-12, Hugo Pérez Solana, tivo unha estrea de máxima esixencia fronte á Mestra Internacional Sabrina Vega, nove veces campioa de España absoluta e unha das grandes figuras do xadrez nacional.
A partida despertou un enorme interese entre os afeccionados. Fronte á experiencia, o desparpaxo dunha das maiores promesas do xadrez español. Máis aló do resultado, o encontro simbolizou a substitución xeracional que vive o xadrez nacional e brindou a Hugo unha oportunidade excepcional para medirse desde a primeira rolda cunha das xogadoras máis laureadas da historia recente do xadrez español. Sabrina impúxose en 31 movementos.
Xadrez para todos
Unha vez máis, a delegación da ONCE volveu ocupar un lugar destacado no torneo, reafirmando o compromiso da organización cun xadrez aberto para todos. Entre os seus representantes figura o vixente campión de España xuvenil da ONCE, Aarón San Juan, exemplo do excelente nivel competitivo que atesouran os xadrecistas con discapacidade visual e da capacidade do xadrez para derrubar barreiras.
A inclusión e a igualdade forman parte do ADN da Escola Xadrez Pontevedra. A entidade organizadora converteu estes valores nun dos seus principais sinais de identidade, apostando pola plena inclusión de xogadores con discapacidade visual, pola convivencia interxeracional —con participantes de entre 7 e 81 anos— e polo impulso do xadrez feminino. A presenza dunha referente como Sabrina Vega e o crecemento constante da participación feminina nas actividades paralelas do torneo reflicten ese compromiso cun deporte cada vez máis diverso e igualitario.
Cun cartel de primeiro nivel, xoves talentos dispostos a desafiar á elite e un modelo de organización que combina excelencia deportiva con valores sociais, o XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra comezou confirmando as expectativas e promete unha intensa semana de xadrez na cidade do Lérez.
Plataformas de xadrez en liña como lichess.org, chess.com, sichess.com ou playchess.com, grandes referentes internacionais, webs especializadas e as redes sociais están a realizar un seguimento detallado do torneo. Esta difusión permite que afeccionados, adestradores e xogadores de calquera parte do mundo sigan a evolución da competición en directo, incrementando a visibilidade de Pontevedra e consolidando o prestixio dunha proba que ano tras ano reforza a súa dimensión internacional.
Tamén podes seguir as partidas en directo desde a nosa sección de partidas.
Roldas 2 e 3
A xornada de mañá será especialmente esixente, xa que os participantes deberán afrontar unha dobre rolda, un formato que pon a proba non só a calidade do xogo, senón tamén a resistencia física, a concentración e a capacidade de recuperación entre partidas.
Os reloxos poranse de novo en marcha ás 9:30 horas do sábado 25. Os enfrontamentos poderanse seguir en directo no Pavillón Universitario de Pontevedra ou a través da nosa sección de partidas.